Gañadores Frei Martín Sarmiento 2016

O 11 de xuño tivo lugar en Compostela o fallo dos Premios Frei Martín Sarmiento 2016 que convoca a Consellería de Cultura Educación e Ordenación Universitaria xunto coa Federación Española de Relixiosos do Ensino de Galicia – Centros Católicos (FEREGA-Ceca)

Os premiados foron:

na categoría de 1º e 2º de EP:  Paula Carballeira por “A burra Ramona”

na categoría de 3º e 4º de EP : Xavier Frías Conde por “As aventuras de Enrico Müller”

na de 5º e 6º de EP:  Xabier Estévez por “Todos os soños”

na de 1º e 2º de ESO: Santiago Jaureguizar por “O veleno da risa”

na de 3º e 4º ESO: Agustín Fernández Paz por “A neve interminable”

na categoría de Bacharelato e Adultos: Francisco Castro por “Tes ata as dez”.

13445609_1040392776042077_8413868955852219121_n

O fallo dos premios tivo lugar na Cidade da Cultura de Santiago. Os representantes de FEREGA con Valentín García Gómez, Secretario Xeral de Política Lingüística, Francisco Castro, Manuel Bragado Rodríguez e Santiago Jaureguizar.

En canto a Rec.Curta, que galardoa curtametraxes de ficción elaboradas por alumnado de ESO, Bac e FP cómpre sinalar que o cine é outra maneira de contar as historias e de transmitir as ideas, paralela á literatura, permitindo ao alumnado expresar a creatividade e descubrir o valor da lingua galega para comunicar en calquera espazo ou soporte.

13406917_1040392782708743_476315262841218734_n

O actor e director Rubén Riós, á esquerda da imaxe, exerceu de membro do xurado dos premios Rec-Curta

Na categoría de 1º, 2º e 3º de ESO obtivo o premio á mellor película a curta “Os invisibles”, do alumnado de segundo de ESO dos Padres Franciscanos de Lugo.O premio a mellor actor compartírono os alumnos Jorge Rodríguez, Manuel Jover e Jorge Fernández, e as mellores actrices resultaron ser Ángela Abelleira, Pilar Corredoira e Paula Jover, todos do mesmo centro lugués. O galardón aos mellores efectos especiais recaeu no traballo “O reloxo dos segundos”, elaborado polo alumnado de 1º de ESO do colexio Calasanz-Padres Escolapios da Coruña, e o da mellor música adaptada, en “Unha rosa para mariña”, do alumnado de 3º de ESO da Inmaculada de Lugo. Esta mesma curta obtivo tamén o premio ao mellor guión. O xurado outorgou, así mesmo, unha mención especial á participación para “A Curta”, do alumnado de 3º de ESO do colexio Calasanz-Padres Escolapios da Coruña. Na categoría de 4º de ESO e bacharelato, a mellor película en opinión do xurado foi “365” do alumnado de 4º de ESO do Colexio María Assumpta de Noia, que tamén obtivo unha mención especial á calidade de lingua. Outorgáronse así mesmo galardóns a mellor actor (Dani Ces e Marcos Lado, protagonistas de “365”), a mellor actriz (Sabela Fernández, do Colexio María Inmaculada de Vigo), mellores efectos especiais e mellor música adaptada (“O recordo esquecido”, do alumnado de 4º de ESO da Compañía de María de Santiago), mellor guión (“A intuición”, do alumnado de 1º de bacharelato do San Juan Bosco da Coruña, e “Sempre con nós, do alumnado de 4º de ESO do Colexio María Inmaculada de Vigo), mellor vestiario e mellor aderezo (tamén do alumnado de 1º do San Juan Bosco da Coruña, por “Xoanman” e “Secuestro no Congreso, respectivamente).

13413676_1040392902708731_7795818041373928372_n

O Secretario Xeral de Política Lingüística, acompañado por Xosé Francisco Martínez Reboiras e Charo Baleirón Sóñora, representantes de FEREGA-Escolas Católicas.

FEREGA vén impulsando desde hai anos os premios literarios Frei Martín Sarmiento e os premios Rec.Curta. Para isto, conta co apoio das secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ao abeiro dun convenio de colaboración que inclúe, xunto con estes premios, diversas iniciativas para promover a estima do galego, así como para favorecer o seu uso entre o persoal e o alumnado dos centros da federación.

O EDLG do CPR Plurilingüe Atocha, de Betanzos quere agradecer un ano máis, a participación dos alumnos, profesores e familias… auténticos gañadores que dan sentido a estes premios.